Skip to main content

Novas

  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Comunidade galega inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos, case 500 novas prazas máis que o ano anterior, e con cinco novas escolas infantís en Lugo, Santiago, Ourense, A Estrada e Mos. Durante unha visita ás instalacións da nova escola infantil da Fundación Amancio Ortega en Lugo, Feijóo aseverou que esta cifra –a maior en número de prazas de escolas infantís da historia da comunidade- sitúa a ratio de cobertura en Galicia nun 41,6%, oito puntos por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea; unha cifra similar á provincia de Lugo que conta cunha oferta total de 2.653 prazas públicas.
  • Un total de 147.439 estudantes comezarán o vindeiro luns, 17 de setembro, as clases na educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato, e ensinanzas de réxime especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Cómpre lembrar que as cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en secundaria. De feito, neste total tampouco se contempla o alumnado de FP, ensinanzas nas que aínda é posible matricularse.
  • Este curso 2018/19 producirase un incremento dos centros plurilingües, nos que ata un terzo do horario lectivo se imparte en lingua estranxeira. En concreto, o sistema educativo galego acada os 385 centros plurilingües, 63 máis que o ano pasado. Isto significa multiplicar por máis de 6,5 os 58 centros que había no curso 2010/11, cando se comezou con este sistema. 142 centros (7 por primeira vez no plurilingüismo) contarán con plurilingüismo en Infantil –denominado Plurinfantil–, 59 máis que o ano pasado. No caso de bacharelato, haberá 8 centros Pluribach (1 completamente novo no plurilingüismo).
  • Chega por vez primeira a Galicia 'A derradeira leición do mestre' —obra icónica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e considerada o ‘Guernica galego’— como eixo central da exposición Castelao maxistral, da Cidade da Cultura de Galicia. A mostra, que se exhibirá no Museo Centro Gaiás do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo de 2019, prantéxase como unha homenaxe ao papel que xogaron na construción do ensino público os mestres e mestras das tres primeiras décadas do século pasado (1900-1936). Castelao maxistral conta cunha ampla sección de pezas e documentos (92), depositados nos museos e institucións galegas ou pertencentes a coleccións particulares (32 en total).
  • A RAGC dedícalle este 2018 o Día da Ciencia en Galicia ao matemático, xeógrafo e político Domingo Fontán, coñecido fundamentalmente por ser o autor dun traballo sen precedentes en España, un fito na historia da cartografía peninsular que se converteu en símbolo para Galicia: a súa célebre Carta xeométrica. Trátase do primeiro mapa científico e moderno realizado na península Ibérica, por elaborarse mediante traballo de campo e medicións xeodésicas. O mapa de Fontán sería a base cartográfica para proxectos de ferrocarril e de estradas e fonte para a elaboración doutros mapas.
  • O programa tivo un enfoque basicamente práctico centrado en fórmulas tradicionais de transmisión de coñecemento a través da análise de realidades concretas. Desenvolveuse en catro fins de semana entres os meses de abril e setembro, estruturándose en catro módulos: participación e empoderamento xuvenil; emprendemento e novos modelos de negocio; innovación e emprendemento social; e liderado: características e competencias. Nas catro xornadas participaron un total de cincuenta mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos.
  • Neste curso 2018-2019 un total de 267 centros e 18.000 alumnos, un 70% e máis dun 50% máis que o curso pasado, respectivamente, empregarán o libro dixital e se beneficiarán do paquete de melloras que se comezou a implantar de xeito progresivo o pasado curso e que se completará neste coa incorporación de novos provedores de contidos, coa posta en marcha dun servizo para que sexan os propios profesores quen creen contidos educativos dixitais, que se chamará DIXIT, e coa entrada en funcionamento dun servizo de soporte premium para os alumnos, familias e profesores que prestará atención remota as 24 horas e os 7 días da semana.
  • Trátase dun programa para impulsar o retorno de investigadores, doutores e profesionais de alta cualificación con traxectorias consolidadas na área de I+D+I. Desenvolverán proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en empresas, organismos de investigación non universitario e centros tecnolóxicos. Este novo programa está incluído no Plan Galicia Innova e compleméntase con outros como o Oportunius ou o programa Principia, que ten permitido desde a súa posta en marcha a incorporación de 372 profesionais menores de 35 anos en 158 entidades.
  • Este mércores terá lugar a inauguración da temporada expositiva na Fundación DIDAC en Santiago de Compostela coa exposición Manuel Eirís / Miguel Marina. A Fundación DIDAC retoma a súa actividade, que nos próximos meses completarase coas mostras individuais do artista galego Antón Reixa e a valenciana Irene Grau, así como os encontros e conferencias do ciclo Galicia. Un século de creación, programación que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977) e Miguel Marina (Madrid, 1989) son os artistas encargados de inaugurar a temporada de exposicións na Fundación DIDAC.
  • Este domingo, van ser homenaxeados en Guitiriz os chamados “Irmáns da lexía”, catro mozos coruñeses represaliados en 1936. Dous deles, France e Bebel, foron fusilados; a Jaurés aplicáronlle a “Lei de fugas”, e Pepín salvou a vida exiliándose en Hispanoamérica. Selva, filla de Pepín, participará nos actos de homenaxe. Homenaxear aos “Irmáns da lexía” é unha teima de décadas de Alfonso Blanco Torrado, crego en Guitiriz e revitalizador da cultura da Terra Chá a través de Xermolos e a Irmandade Manuel María, sendo obra súa o anual Festival de Pardiñas.