Skip to main content

A Cidade da Cultura recibe ás promesas mundiais do xadrez

A competición comezará oficialmente o domingo 4 de novembro e xogaranse 400 partidas simultáneas cada día, nun total de 11 rondas e seguindo as normas do sistema suízo por puntos. Este sistema permite integrar os xogadores máis fortes con aqueles de menor nivel, ofrecéndolles a posibilidade de xogar o mesmo número de partidas ao longo de todo o campionato.

Os afeccionados ao xadrez poderán seguir o Mundial vía streaming na web do campionato (www.wccc2018.com) ou achegarse ata a carpa instalada no exterior do Museo Centro Gaiás para vivilo máis de cerca en directo.

A celebración desta competición na Cidade da Cultura confirma que o complexo do Gaiás ten a capacidade, infraestruturas e recursos para acoller citas internacionais de primeiro nivel, tanto deportivas como profesionais e culturais. Ademais, supón un importante pulo ao sector turístico galego. Co gallo do Mundial de Xadrez, case 2.000 persoas –entre xogadores, acompañantes e árbitros– visitarán Santiago de Compostela e outras localidades galegas entre o 3 e o 16 de novembro.

O Campionato Mundial de Xadrez Cadete está organizado polas federacións galega, española e internacional de xadrez, co apoio da Xunta de Galicia –a través da Fundación Cidade da Cultura e da Secretaría Xeral para o Deporte–, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e o Consejo Superior de Deportes. Ademais, colaboran neste evento a asociación de empresarios Compostela Monumental, GADIS, AENA, Área Central, LaLiga4Sports e Chess24.
R.