Skip to main content

Técnicos especialistas inician o traslado de Buenos Aires a Galicia de 'A derradeira leición do mestre'

Este procedemento para pór en marcha a cesión temporal da obra por parte do Centro Galicia de Buenos Aires levouse a cabo coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados, tendo en conta que se trata dunha obra simbólica tanto na traxectoria artística de Castelao como para Galicia, a territorial e a da diáspora, xa que se debe lembrar que Castelao pintou na capital arxentina, en 1945, A derradeira leición do mestre —baseado na estampa nº 6 do seu libro Galicia mártir— en homenaxe ao seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936.

O óleo de máis de 2 metros de altura nunca tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires. Por este motivo, considérase esta mostra inédita e irrepetible, polo que desde o Goberno galego e, en concreto, desde a Consellería de Cultura gábase a xenerosidade desta institución na cesión temporal da obra. Precisamente, foi o propio titular deste departamento, Román Rodríguez González, quen iniciou hai máis dun ano —na Feira do Libro de 2017 na capital arxentina— as negociacións que deron como froito este acordo para poder contemplar este cadro por vez primeira en Galicia.

Neste senso, a mostra Castelao maxistral tamén procura ser un recoñecemento ao labor da Galicia emigrante, na salvagarda do legado patrimonial galego, e deses galegos e galegas que continuaron a actividade cultural durante boa parte do século XX ata a actualidade.

A derradeira leición do mestre forma parte dun relato expositivo no que se quere contrapor a situación do ensino en Galicia de principios do século pasado —con precariedade de medios, antipedagóxica e exclusivamente en castelán— coa reforma e modernización que iniciaron os mestres e mestras da República cara unha ensinanza universal e máis profesional —con novos materiais pedagóxicos, algúns deles en galego—, e que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil.

Deste xeito, a mostra, comisariada polo historiador galego e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, contará con 92 pezas —cedidas por 32 institucións públicas e privadas— reconstruirá unha escola da época e permitirá tamén poder contemplar reunidos por vez primeira nunha exposición todos os debuxos (40) que realizou o artista de Rianxo sobre o ensino obrigatorio en Galicia, que na época era ata os 9 anos.
R.