Skip to main content

O 31 de outubro remata o prazo para a presentación de candidaturas ó Proxecto Didáctico Antón Fraguas

O proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, foi presentado o pasado mes de xuño por representantes da Fundación, do Museo do Pobo Galego e das dúas entidades patrocinadoras, no transcurso dunha rolda de prensa convocada en Bonaval. Os obxectivos do premio, están encamiñados a rememora-la figura do senlleiro director do Museo do Pobo Galego, tanto na súa vertente de pedagogo e etnógrafo. O proxecto deberá desenvolverse ó longo do curso escolar 2003-04, e para optar ó mesmo, é necesario presentar unha memoria descritiva do proxecto que se pretende realizar, facendo constar a súa natureza, ámbito, temporización, orzamento e colectivo implicado na súa realización.
A dotación do premio é de 10.000 euros para cada unha das modalidades establecidas, ensino primario e secundario. O ámbito temático do proxecto debe estar relacionado con algún dos seguintes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia e arte.
Máis información: Teléfono: 981 583 620
Información complementaria sobre as bases do concurso: Proxecto didáctico Antonio Fraguas
Convoca: Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Patrocinan: Fundación Caixa Galicia e Caixanova. Organiza: Museo do Pobo Galego.
-Obxectivos:
Co propósito de rememorar a figura de don Antonio Fraguas Fraguas na súa dobre vertente de pedagogo e etnógrafo, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas decidiu lanzar un proxecto didáctico encamiñado á realización dun programa de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico do entorno inmediato entre os centros escolares de Galicia. O labor docente e científico de don Antonio Fraguas Fraguas, exercido durante décadas e a través de varias xeracións, constitúe unha referencia para a cultura galega. Seguindo na liña por el trazada, a Fundación que leva o seu nome pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ó coñecemento do medio e á posta en valor dos máis diversos elementos do noso acervo cultural. Con este efecto lanzarase unha convocatoria invitando ás comunidades escolares a participaren neste proxecto.
-Modalidades:
Establécense dúas modalidades: ensino primario e ensino secundario. En cada unha delas elixirase un proxecto, a desenvolver durante o seguinte ano lectivo. O ámbito temático abranguerá os seguintes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia e arte. Procurarase que nas sucesivas convocatorias se vaian diversificando os temas obxecto de estudio. Os traballos estarán coordinados polo Museo do Pobo Galego.
-Dotación:
Institúese un premio de 10.000 euros para cada modalidade. O premio dedicarase integramente á realización do proxecto, podendo incluír a adquisición de material escolar ou equipamento destinado ó mesmo. A aplicación do premio deberá comprender a elaboración dos materiais que plasmen o traballo realizado, para a súa exposición. O libramento farase en dúas metades, un 50 por cento no momento da concesión e o 50 por cento restante á finalización do proxecto, cando se realice a exposición.
-Xurado:
O Xurado estará composto polo Presidente da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, o Director do Museo do Pobo Galego e tres membros, designados pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Caixa Galicia e Caixanova, entre persoas de recoñecida competencia no ámbito das ciencias sociais. Actuará como Secretario, con voz e sen voto, o Secretario da Fundación.
-Calendario:
O premio convocarase anualmente no mes de xuño, mediante a oportuna difusión pública. As candidaturas deberanse remitir á Secretaría da Fundación Antonio Fraguas Fraguas ata o 31 de outubro seguinte. O Xurado emitirá o seu fallo antes do 15 de novembro. A resolución farase pública a través dos medios de información e comunicarase directamente ós centros interesados, que serán convocados para lles facer entrega da primeira parte do premio no decurso dun acto público. O traballo iniciarase co curso académico e deberá estar finalizado e presentado para o mes de maio. No mes de xuño organizarase a exposición dos seus resultados, quer no Museo do Pobo Galego, quer nunha institución axeitada dunha cidade ou vila de Galicia, a determinar pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas. A inauguración da exposición farase coincidir coa publicación das sucesivas convocatorias.
-Documentación:
Para optar ó premio presentarase unha memoria descritiva do proxecto que se pretende realizar, facendo constar a súa natureza, ámbito, temporización, orzamento e con expresión do colectivo implicado na súa realización. Considerarase mérito a participación da comunidade escolar no seu conxunto (profesores, alumnos e pais) e a implicación da poboación.
-Información:
Museo do Pobo Galego - San Domingos de Bonaval - 15703 Santiago de Compostela - Tel. 981 583620 – Fax: 981 554840 - correo e.: museodopobo@interbook.net.









Museo do Pobo Galego