Skip to main content

Publicada a primeira historia da prensa portuguesa nos Estados Unidos

A History of the Portuguese Press in United States, o primeiro libro que traza un percorrido pola historia da prensa “feita por portugueses, para portugueses e en portugués” nos Estados Unidos, publicado por Tagus Press, a editora da University of Massachusetts para estudios científicos sobre temas lusófonos.

O libro constrúe “un mapa de todos os xornais que foi fundando” ata en dez estados diferentes a numerosa comunidade portuguesa existente neste país, explica Pena, que hai uns días era nomeado director da nova sección de Historia da Comunicación Social, da Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC). “Para min, humildemente, é un fito”, recoñece o investigador do campus pontevedrés do feito de que os resultados dun traballo “desenvolvido ao longo de varios anos vexa a luz coa editora dunha das universidades públicas de referencia nos Estados Unidos”. As orixes da investigación que deu lugar a este libro remóntanse a 2012, cando realizou unha primeira estadía na Brown University, co propósito de realizar “simplemente un estudo panorámico sobre a significación dos medios portugueses nos Estados Unidos”. Mais, “a medida que fun escarvando fun vendo que aquilo tiña moita profundidade, que había moitos periódicos e unha longa historia detrás”, salienta o docente, que, en 2013, traballou como visiting scholar nas universidades de Harvard e California Berkeley, e ocupou por concurso a prestixiosa cátedra Hélio & Amélia Pedroso/Luso-American Foundation Endowed Chair de estudos portugueses en Massachusetts-Dartmouth. Posteriormente, en 2017, desenvolveu unha nova liña de investigación relacionada coa prensa e a propaganda salazarista e antisalazarista nos Estados Unidos, ao tempo que impartía un curso de na Brown University, universidade do selecto club da Ivy League, onde foi distinguido como Michael Teague Visiting Professor in Portuguese & Brazilian Studies.

Cabeceiras das que non queda rastro

“Moitos dos medios impresos que formaron parte da historia da emigración portuguesa nos Estados Unidos, están desaparecidos”, recoñece Pena, que, ademais de construír un percorrido histórico desde as primeiras publicacións ás cinco cabeceiras que continúan publicándose hoxe en día, recolle no libro un “repositorio” con información das 167 cabeceiras atopadas. Mais, na maioría dos casos, explica, só puido saber delas a través de “fontes hemerográficas indirectas”, como o Diario de Noticias, un xornal de New Bedford (Massachusetts) que se mantivo activo máis de 40 anos e “no que hai referencias á fundación doutros moitos outros periódicos, que busquei por moitos sitios, pero non atopei”. De aí que conclúa que, ademais destes 167, “houbo moitos xornais máis, seguro”.

Neste percorrido pola historia da prensa lusa nos EEUU, “a primeira evidencia dun periódico feito por inmigrantes” data de 1877, ano no que portugueses procedentes das Azores fundaron na cidade de Erie (Pensilvania) un periódico quincenal, chamado O Jornal de Noticias. “A partir de aí, comezan a xurdir novos periódicos a medida en que a inmigración portuguesa se convirte nun fenómeno cada vez maior”, salienta Pena, que constrúe no seu libro un relato de como as comunidades de inmigrantes ían impulsando cabeceiras, a meirande parte delas semanais ou quincenais, nos seus lugares de destino, tanto estados da costa leste, como Massachussetts, Nova York ou Nova Jersey, como en California, no Pacífico.

De feito, o lugar de orixe desas comunidades influía directamente nos contidos desas publicacións, de tal xeito “que en cidades como Nova York ou Oakland difundíanse medios que recollían informacións de aldeas das Azores ou das montañas do Alentejo”. Aínda que, entre toda este serie de cabeceiras “a casuística de contidos era enorme, xa que había tanto medios de información xeral, como políticos ou relixiosos”, no relativo aos primeiros eran frecuentes esas seccións “dedicadas ao lugares de onde proviñan as persoas que lían ese medio”. Xunto a estas, “a maioría tiñan tamén seccións relacionadas coa política, a sociedade e a cultura de Portugal e sobre o que acontecía dentro de cada comunidade de inmigrantes”.

Máis de 100 cabeceiras nos inicios do século XX

No referido ao número de cabeceiras creadas, o xornalismo portugués nos EEUU viviría a súa etapa de maior esplendor entre 1890 e 1930, coincidindo “co período de entrada masiva de inmigrantes portugueses”. Nesta etapa, explica Pena, creáronse máis dun cento de cabeceiras, aínda que “unha gran maioría foron efémeras, non duraron máis dun ano”. Mais tamén xurdiron “periódicos de referencia”, como o Diario de Noticias de New Bedford, “que se publicou ininterrompidamente entre 1927 e 1973” e chegou a ter tiradas de máis de 20.000 exemplares; ou o Jornal Portugués de California, que se editou semanalmente en Oakland entre 1932 e 1997.

De feito, ao longo da historia existiron nos EEUU seis diarios en portugués, apunta Pena, que incide nese senso en que “a historia do xornalismo lusófono nos Estados Unidos é fundamentalmente unha historia do xornalismo impreso, aínda que tamén houbo emisoras de radio importantes a partir dos anos 30 e unha televisión portuguesa, que emite desde New Bedford”.

Cinco medios sobreviven no 2020

A día de hoxe continúan existindo cinco cabeceiras impresas en portugués nos Estados Unidos, entres as que se atopan medios de “referencia” como o Luso-Americano, un bisemanario nacido en 1928 en Newark (Nova Jersey) e que continúa publicándose tras varias refundacións, ou o Portuguese Times, de New Bedford, que se edita desde 1971. Tamén continúan activos dende os anos setenta O Jornal, editado en Fall River (Massachusetts) e o Portuguese Tribune, de Modesto (California), aos que se suma 24 Horas, “unha cabeceira asociada” ao xornal portugués Correio da Manhã, fundada en 1997 en Newark. Non obstante, recoñece Pena, “o mundo dixital está cambiando a historia destes medios”, xa que a comunidade inmigrante “non necesita xa xornais en papel para saber que acontece nos seus lugares de orixe, senón unha conexión a internet”. De aí que o futuro deste tipo de periódicos, conclúe, “depende da súa capacidade para adaptárense aos desafíos da revolución dixital”.
Universidade de Vigo