A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.