Skip to main content

O ILGA e o CSIC editan os materiais do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica

A páxina ofrece información sobre un proxecto que pretendía estudar a variación lingüística das variedades románicas peninsulares. No web pode consultarse tamén unha mostra dos datos sobre as falas románicas de 527 localidades peninsulares e baleares recollidos no traballo de campo desenvolvido entre os anos trinta e cincuenta do século pasado.

A idea de elaborar un atlas lingüístico das linguas románicas da península ibérica foi concibida no primeiro cuarto do século XX polo filólogo Ramón Menéndez Pidal, que encomendou a dirección do proxecto ao seu discípulo e alumno Tomás Navarro Tomás. No ano 1934, e co auspicio do Centro de Estudios Históricos, tres grupos de investigadores comezan a realizar o traballo de recollida dos materiais. O noventa por cento das enquisas recolleuse entre 1931 e 1935, e entre 1947 e 1954 completouse o resto.

O cuestionario utilizado contiña 1.244 preguntas e os tres equipos repartiron o traballo de campo do territorio ibérico: Aurelio M. Espinosa e Lorenzo Rodríguez Castellano a área castelá, Francesc de Borja Moll e Manuel Sanchís Guarner a valenciano-catalá, e Aníbal Otero (Ribeira de Piquín 1911–1974) e Rodrigo de Sa Nogueira encargáronse das áreas galega e portuguesa, respectivamente. No territorio administrativo galego, con 53 puntos de enquisa do ALPI, o traballo de campo completouse antes da Guerra Civil e foi incorporado na redacción do primeiro tomo publicado en 1962.

Colaboración desde o comezo

O Instituto da Lingua Galega da USC participou no proxecto desde os seus inicios, coa coordinación da edición dos materiais galegos e a dixitalización dunha boa parte dos cadernos orixinais de enquisa. Sobre os materiais galegos realizáronse xa diversos traballos de investigación co fin de coñecer os cambios lingüísticos do galego ao longo do século pasado. De feito, os cadernos do ALPI ofrecen unha imaxe moi completa e detallada das variedades lingüísticas galegas do primeiro terzo do XX que axuda a comprender mellor a historia lingüística e cultural de Galicia.

A páxina do ALPI que se acaba de presentar ofrece información interesante para especialistas, docentes, estudantes e público xeral. Presenta a historia do proxecto orixinal, describe a súa metodoloxía e facilita o enlace á entrevista que lle fixo fixo Jesús Hermida a Tomás Navarro Tomás en 1974. As fotografías conservadas no Fondo Rodríguez-Castellano (Biblioteca Tomás Navarro Tomás, CCHS-CSIC), de grande valor etnográfico, organízanse nunha Galería que admite buscas. A web tamén detalla as fases do actual proceso de edición e os criterios seguidos e, na sección Publicacións , ofrece acceso a unha biblioteca virtual onde se encontran dixitalizados o primeiro volume do ALPI (CSIC, 1962) e os estudos relacionados co atlas publicados polos seus autores e polo equipo que traballa hoxe na súa elaboración e edición dixital.

Financiado polo CSIC con apoio das universidades colaboradoras e do Institut d'Estudis Catalans, o proxecto foi realizado por un grupo que coordina Pilar García Mouton (CSIC) e que integran Xulio Sousa (Instituto da Lingua Galega da USC), Inés Fernández-Ordóñez (Autónoma de Madrid), Maria Pilar Perea (Universitat de Barcelona), João Saramago (Universidade de Lisboa) e David Heap (University of Western Ontario). O proxecto desenvolvido no ILG conta co financiamento da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)