Skip to main content

Unha trintena de actividades para celebrar este novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas

Anxo M. Lorenzo, secretarío xeral de Cultura, sinalou a importancia de celebrar un ano máis este programa, por medio do cal as bibliotecas constitúen espazos seguros para promover accións adaptadas aos novos protocolos por mor da covid-19. “O Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas achega unha trintena de actividades para a divulgación social do coñecemento científico en bibliotecas públicas e escolares”, explicou. “Trátase –dixo– dunha iniciativa orientada principalmente ao público infantil e xuvenil, que se suma ao resto de políticas que o goberno galego está apoiando para reforzar o sector cultural na nosa comunidade”.

Iniciativas lúdicas dos EDLG para experimentar ciencia en familia

Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, recordou que xa durante o curso pasado “os equipos de dinamización da lingua galega, a miúdo en colaboración cos de biblioteca e cos departamentos, promoveron tamén múltiples iniciativas para que o alumnado puidese investigar, descubrir e divulgar a ciencia non só no centro de ensino senón tamén na casa, no período de obrigado confinamento por mor da pandemia”. “As iniciativas caracterízanse por se achegaren de forma cada vez máis lúdica á experimentación científica, por procuraren máis que nunca a colaboración das familias e por divulgaren os resultados de forma xeneralizada a través das TIC”, abondou.

O secretario xeral destacou que con estas iniciativas dos EDLG “o coñecemento científico pasou da aula ao ámbito familiar e a súa divulgación, das revistas impresas ás dixitais, das charlas ou xornadas presenciais ás virtuais e dos experimentos colectivos á vista do alumnado aos individuais gravados e difundidos a través da Rede” e tamén que “a respecto da temática, obsérvase nas actividades de todos os niveis educativos un crecente interese pola saúde e pola ecoloxía ambiental”. O Portal da Lingua Galega ofrece desde hoxe, en aberto, as iniciativas máis recentes dos EDLG de facer e difundir ciencia en galego.

Para todos os públicos

A Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas da Coruña Miguel González Garcés, de Lugo, de Ourense Nós, de Pontevedra Antonio Odriozola, de Santiago Ánxel Casal e de Vigo Juan Compañel serán os espazos nos que se desenvolvan as actividades programadas. Todas elas estarán adaptadas ás restricións por mor da covid e respectaranse todas as medidas de seguridade.

A programación inclúe actividades para todos os públicos e todas as idades, desde contacontos para pequenos de 3 a 8 anos e obradoiros creativos para nenos a partir de 6 anos ata representacións teatrais para toda a familia, pasando por talleres de selfie para aprender a sacarlle partido á cámara do teléfono móbil, máis dirixidos a un público adolescente. Así mesmo, celebraranse faladoiros de ciencia centrados, fundamentalmente, no público adulto. Durante este mes, as bibliotecas tamén destacarán a súa bibliografía científica, en especial a dirixida a un público infantil e xuvenil.

A celebración do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas enmárcase no decidido apoio aos sectores culturais por parte do Goberno galego. De feito, a Xunta decidiu incrementar este ano nun 54% as axudas a concellos para a adquisición de novidades editoriais en galego e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, a través dunha convocatoria extraordinaria que se resolveu a pasada semana, dentro do Plan de Reactivación do sector cultural para reforzar o apoio ao sector editorial galego. En total, o Goberno autonómico inviste 850.000 euros e benefícianse preto de 200 concellos.

Asemade, e dentro do esforzo que se está a facer para reforzar o número de licencias, así como a incorporar novos títulos ao catálogo, GaliciaLe, a plataforma de préstamo dixital da Xunta de Galicia, triplicou o número de usuarios desde o inicio da pandemia.

Bibliotecas escolares

No caso das bibliotecas escolares, estimularase nelas a celebración de proxectos e iniciativas de divulgación científica. A asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería pon ao dispor dos centros un portal cunha selección de materiais relacionados coa ciencia en galego, así como unha selección de libros de divulgación científica publicados en galego e moi demandados desde as bibliotecas dos centros educativos para poder cubrir as necesidades informativas do alumnado e apoiar os seus traballos
de investigación.

A maiores, en #bescolaresgalAbertas pode consultarse unha escolma de traballos realizados pola comunidade educativa desde a casa no último trimestre do curso pasado, onde poden atoparse retos matemáticos, titoriais para facer experimentos caseiros, información científica sobre a covid-19, ou recomendacións de aplicacións para crear contidos audiovisuais ou podcasts de radio con contidos científicos vinculados ao programa Radio na Biblio.

Cómpre lembrar, ademais, que a Consellería vén de publicar a resolución dos centros participantes neste curso 2020/21 no programa Biblioteca Creativa que apoia a introdución, dentro da biblioteca escolar, dun espazo de creación e experimentación para a introdución do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de pequenos robots, os Escornabots. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo.
R.