Skip to main content

Estereotipos sociais e prexuízos de xénero condicionan a carreira científica

Os resultados preliminares dos datos xa analizados constatan as sospeitas de sempre, ao tempo que apuntan novos elementos que tamén inflúen ou poden influír na capacidade de elección de mozos e mozas e tamén na súa decisión final respecto do seu futuro profesional no ámbito das chamadas disciplinas STEM.

A literatura científica apunta que as nenas interiorizan os prexuízos de xénero que están vixentes na sociedade desde os cinco ou seis anos de idade. Esta conxuntura non cadra, sen embargo, coas respostas obtidas na consulta realizada por XuvenCiencia, na que a proporción de mozas que se imaxinan o seu futuro laboral nun ámbito científico é significativamente superior á de estudantes varóns. Esta diverxencia non só se manteñen ao longo do ensino secundario obrigatorio e de Bacharelato, senón que incluso se incrementan e agrandan a fenda entre o crecente número as rapazas que se ven como científicas e o grupo cada vez menor de rapaces que consideran esta opción.

A programación e a estrutura dos itinerarios formativos no actual sistema de ensino secundario obrigatorio conduce a que o alumnado de Bacharelato presenten un menor grao de incerteza respecto ao seu futuro. Aínda así, segundo se deriva dos resultados da enquisa, que conta entre os participantes cunha ampla porcentaxe de alumnado de BAC e FP xa enrolado en liñas científico-experimentais ou tecnolóxicas, moitos dos rapaces que en ESO rexeitaban un futuro no ámbito STEM, no ensino postobrigatorio optan por itinerarios científicos, porque “é o que se dá por feito que deben estudar”.

Áreas de coñecemento

A preferencia de áreas de coñecemento entre o alumnado preuniversitario tamén depara non poucas diferencias. Daquela, segundo a enquisa de XuvenCiencia, as dúas tendencias dominantes son que os rapaces opten polas enxeñarías e as ciencias experimentais como opcións máis atractivas, mentres que elas prefiren as ciencias da saúde e as ciencias sociais e humanidades, os ámbitos nos que a presenza feminina é máis habitual. As ciencias experimentais son unha alternativa menos demandada entre as rapazas, que alén de situar as enxeñarías como última opción, esta alternativa aínda decae máis como posibilidade durante os anos de Bacharelato. As ciencias da saúde, quizás polo tradicional rol de coidadora desenvolvido polas mulleres, centra as preferencias das estudantes, segundo subliñan os autores desta enquisa.

Expectativas

As expectativas que se marca a rapazada para a súa carreira futura constitúen outra das variables analizadas por XuvenCiencia neste estudo, no que se aprecia que os aspectos máis valorados ou desexables para as rapazas están asociados con tarefas motivadoras, aprendizaxe e co feito de contribuír ou realizar achegas á sociedade. A diferenza, os rapaces ponderan máis o confort e prefiren dispor de tempo para a familia e as amizades. O espírito aventureiro non semella ser moi grande entre a mocidade, aínda que son eles os que recoñecen ter menos gañas de viaxar polo mundo.
R.