Skip to main content

Máis do 97% dos fogares galegos con nenos e estudantes ten contratado internet

A convivencia con nenos en idade escolar (3 a 16 anos) e estudantes maiores de 16 anos, aumenta o uso de ordenadores e móbiles nos fogares e tamén a navegación por Internet. O uso de dispositivos electrónicos (ordenador, smartphone,...) acada xa ao 98,5% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos, confirmando que convivir con nenos/as en idade escolar obrigatoria é un factor potenciador do uso das TIC nos fogares galegos, xa que superan supera en 23,9 puntos porcentuais aos datos que rexistran as persoas maiores de 35 anos.

A contratación practicamente universal de Internet nos fogares onde residen nenos e nenas tradúcese nun aumento tamén significativo do seu uso, de xeito que un 98,3% de mozos e mozas de 16 a 34 anos navegou por Internet nos últimos 3 meses, fronte ao 77,2% dos maiores que navegaron por Internet nese período (35 a 74 anos).

En relación á frecuencia do uso de Internet, o 92,7% dos mozos e mozas de 16 a 34 anos navega diariamente, fronte ao 78,8% de internautas de máis idade (35 a 74), o que amosa unha diferenza xeracional de 13,9 puntos porcentuais neste indicador.

Respecto aos hábitos dos internautas, aumentan as compras de bens ou servizos a través de Internet nos 3 últimos meses entre os máis novos. Máis da metade dos mozos entre 16 e 34 anos (52,9%) compraron a través Internet. Esta porcentaxe redúcese á metade (25,2%), no caso dos de idades entre os 35 e os 74 anos. No último ano, as compras a través de Internet aumentaron 4,9 puntos entre a poboación de 16 a 34 anos, superando o ritmo de crecemento que se rexistra no tramo de idade de 35 a 74 anos (2,7 puntos de aumento).

Constárase a diferenza de coñecementos en TIC entre mozos e maiores tamén na análise dos trámites realizados coas administracións públicas, onde os internautas máis novos (16 a 34 anos) relacionáronse en maior medida coas administracións públicas a través de Internet, especialmente no referente á procura de información (83,8%) ou ao envío de formularios cubertos (79,3%). As diferenzas cos trámites feitos por internautas de 35 a 74 anos rondan os 23,3 puntos no caso da procura de información e 18,8 puntos no envío de formularios.

Os obstáculos no uso das TIC varían segundo a convivencia con nenos

As motivacións para non contratar aínda de Internet nos fogares con nenos e nenas en idade escolar, continúan sendo os custos de equipamento e conexión. Pola contra, nos fogares que non teñen menores en idade escolar (3 a 16 anos), a razón principal para non dispoñer de Internet é a percepción de que non lles resulta útil nin interesante.
R.