Skip to main content

O Gaiás convértese nun efémero cinema de outono para acoller un ciclo familiar con filmes da mostra 'Cinema e Emocións'

A mostra pon en valor o papel que ten a sétima arte no desenvolvemento persoal durante a nenez, a través dunha viaxe por filmes de diferentes épocas que marcaron tamén a diferentes xeracións.

A selección de películas do ciclo Domingos de cinema e emocións tivo en conta que se tratasen de filmes para todos os públicos, co obxecto de fomentar plans interxeracionais, pero tamén actividades que sementen interese pola arte e pola cultura entre a cativada, ofrecéndolles ademais contidos de calidade que esperten e alimenten o seu espírito crítico.

Deste xeito, as fitas abordan a importancia da xestión das emocións na infancia (Inside out), o dereito irrenunciable a unha vida digna das persoas inmigrantes (Le Havre), a realidade da orfandade (Ma vie de courgette) e a revolución islámica desde a perspectiva dunha nena iraniana (Persépolis).

Entradas á venda para a primeira proxección

As entradas –dobres ou cuádruplas– para a primeira proxección do 18 de outubro, Inside out de Pete Docter, están xa á venda en www.ataquilla.com a 3 euros por persoa. Nos seguintes días irase abrindo a billeteira en liña para o resto dos filmes do ciclo, onde se aplicará o estrito protocolo de medidas sanitarias da covid-19.

Na web da Cidade da Cultura de Galicia –www.cidadedacultura.gal– ofrécese información máis polo miúdo destas medidas e tamén de todas as películas que forman parte do ciclo.
Cidade da Cultura de Galicia