Skip to main content

O CPEIG organiza este verán máis de 30 xornadas nas aulas Cemit para fomentar o talento dixital da mocidade galega

As xornadas celebraranse nas Aulas CeMIT de concellos das catro provincias galegas. “Tech Kids” contempla a celebración de competicións nos distintos ámbitos do programa: programación, robótica, manexo de drons, creación de personaxes para videoxogos..., para ofrecer aos mozos e mozas unha forma lúdica e divertida de achegarse á tecnoloxía e á enxeñaría en informática. Nos talleres a mocidade deberá superar distintos retos e desafíos, aprendendo e poñendo en práctica o seu talento dixital e amosando a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que desenvolverá competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e tecnoloxía.

Tamén se fará fincapé no fomento do talento dixital feminino, para que as nenas e rapazas vexan a computación e a enxeñería como algo propio delas e consideren a profesión de enxeñaría en informática como un traballo que as axudará a acadar os seus soños e ambicións.

Desafíos en programación e electrónica

Nas xornadas de retos de programación e robótica (Stem Scape Room), os desafíos para os participantes xirarán ao redor da iniciación á programación con escornabot, printbot ou programación de videoxogos con makey makey.

O reto da programación con escornabot consistirá en percorrer un circuíto con obstáculos levando dun punto a outro o robot. Os rapaces terán que programar o escornabot para que evite as dificultades e consiga chegar á meta dunha soa peza. A finalidade deste taller é iniciar aos nenos e nenas nos primeiros conceptos da programación, análise, resolución e ordenación.

O reto da programación con printbot consistirá en programar un código que se executará no robot, que terá unha electrónica capaz de seguir unha liña negra sobre un fondo branco. Os máis pequenos aprenderán a programar cunha linguaxe visual o código preciso para que o robot sexa capaz de seguir a liña.

E no reto da programación de videoxogos con makey makey, os cativos usarán esta ferramenta para achegarse á electrónica creando un proxecto no que se simulará o xogo de mesa de operación. Utilizando como linguaxe de programación o scratch, os participantes programarán o seu propio videoxogo de operación.

Piloto de drons, unha das profesións en auxe

Co auxe actual dos drons e o aumento de ofertas de traballo relacionadas con esta tecnoloxía, na que se fan tarefas de mantemento, entregas a domicilio ou traballos audiovisuais con drons, a xornada de iniciación na pilotaxe de drons está destinada a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos que coñecerán os seus compoñentes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft –para entender os controis e movementos– e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.

Do deseño na fase de Concept Art ata o modelado en 3D

E a última das xornadas, titulada “Deseña a túa personaxe”, estará destinada á creación de personaxes para videoxogos. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe.
CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia)