Skip to main content

Ponse en marcha a web Universo Cantigas, edición crítica dixital da lírica profana galego-portuguesa

Como tal edición dixital, Universo Cantigas constitúe un work in progress, un proxecto aberto, dinámico e suxeito a emendas e mudanzas, ao tempo que aberto á crítica e ás suxestións dos usuarios e, nomeadamente, da comunidade científica.

Universo Cantigas

O proxecto Universo Cantigas ten como obxectivo realizar a edición crítica dixital dos textos que integran a lírica profana galego-portuguesa, continuando o traballo realizado nos anos 2010-2015 para o Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa (dispoñíbel neste mesmo site e tamén en http://glossa.gal). Esta edición é realizada ao abeiro do proxecto de investigación Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa. III. Edición crítica dixital das cantigas de amor (ref. FFI2015-63523-P), financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad.

Na primeira fase do proxecto (2016-2018) será editada a primeira sección do «cancioneiro xeral» galego-portugués –ou «compilação geral», de acordo con António Resende de Oliveira–, que se estrutura en tres grandes xéneros: cantiga de amor, de amigo e de escarnio. Esta sección inicial, que está constituída, fundamentalmente, por cantigas de amor e que se cerra coa rúbrica que abre o sector de amigo, comprende os textos 1-640 dos manuscritos, que copian un total de 1683 composicións, conforme a catalogación de Jean-Marie d’Heur.

Universo Cantigas concíbese como unha empresa global que porá ao dispor do público, en sucesivas fases, todas as cantigas dos trobadores, con todas as posibilidades que ofrece o traballo na rede: actualización constante, ausencia de límites de espazo, posibilidade de crecemento e expansión con novos elementos e capacidade de enlace a diversos materiais perieditoriais de evidente valor para a interpretación dos textos.
Universo Cantigas