A primavera comeza este mércores 20 de marzo, ás 4 horas e 6 minutos e prolongarase durante case 93 dias ata as 22 horas e 51 minutos do 20 de xuño. Durante a primavera haberá ao amencer unha curiosa aliñación planetaria de Venus, Marte e Saturno; na segunda quincena de abril agregarase Mercurio e xa a finais de maio, Xúpiter substituirá a Venus, mentres a Lúa vai ir pasando por esa aliñación a comezos de cada mes, segundo explica o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo. O inicio da primavera prodúcese cando o Sol pasa polo punto Aries, ou equinoccio de marzo, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste; nestes dias, na contorna do equinoccio, a duración do día e da noite son teoricamente iguais.