InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.