Baixo o título 'Horizontes dos Estudos Galegos e /na Lusofonía', esta nova edición do congreso da AIEG parte do tradicional vínculo entre Galicia e os países lusófonos para promover o debate, a crítica e novas propostas sobre as relacións no espazo cultural, académico e institucional. Farao a través de relatorios, paneis, mesas e sesións plenarias nas que participarán especialistas das tres universidades galegas, pero tamén do ámbito nacional e internacional, que discutirán sobre os campos lingüístico, literario, histórico, económico, antropolóxico, filosófico, sociolóxico e artístico. No marco do congreso tamén terán cabida as actividades culturais, como excursións ou exposicións, especialmente dirixidas á mocidade investigadora; ou a presentación de produtos académicos e proxectos, como o Proxecto Nós, impulsado polo Goberno galego para incorporar a lingua propia de Galicia á vangarda da Intelixencia Artificial.